Don Albino Núñez. O corazón no Ribeiro
Hai pouco máis dun ano tiven a sorte de que Xesús Alonso Montero me fixese un agasallo que está agora entre os meus tesouros máis prezados. Trátase do libro ALBINO NÚÑEZ, ENSAIOS E ARTIGOS (1956-1973), unha colectánea dos traballos en prosa de don Albino Núñez (A Mezquita 1901, Ourense 1974), escritor, pedagogo e poeta ourensán. Mentiría se dixera que eu coñecía algo da obra de don Albino Núñez antes de ler o primeiro artigo deste libro, Ejemplaridad formidable de Liceo de Arte, publicado no diario La Región o 28 de abril de 1956. A penas sabía que fora o fundador da Academia Estudios Galicia de Ourense, o pai doutro Albino Núñez -delegado de Educación desta provincia alá polo anos noventa-, e que un colexio da capital leva o seu nome. Non obstante, bastoume ler ese primeiro artigo para saber que acababa de atopar a un autor que ía estar entre os meus preferidos. Os restantes traballos non fixeron máis ca reforzar esa primeira impresión e, neste momento, estou convencido que na biblioteca de calquera galego que ame a súa terra non debería faltar este fermoso libro, e con máis razón se ese galego é ourensán. Xa escribín sobre algúns dos valores que eu aprecio neste libro. Fíxeno no artigo que, baixo o título Os libros que nos fan mellores, encabeza o meu blog. Non obstante, non incluín nesa primeira entrega algo que fun descubrindo segundo avanzaba na lectura do libro: a relación especial de don Albino co Ribeiro. Iso merecía un traballo específico e especial. O que trata de ser este. Na idea de que case todo ten un carácter relativo, non son home dado ás grandes apoloxías nin ás grandes reprobacións. Por outra banda, entre as miñas afeccións sempre estivo estudar calquera texto que tivera algo que ver co Ribeiro. Terán pasado miles deses escritos diante dos meus ollos, a maioría cargados de eloxios para estas terras – empachosos moitos deles, tamén hai que dicilo-, pero non creo que cheguen a vinte aqueles onde percibín que o autor, ademais de dar algún dato de interese ou describir mellor ou peor a nosa cultura, penetrase ata o cerne do que o Ribeiro significa. Pois ben, na prosa de don Albino, cando se refire ó Ribeiro, descubro, coma en ningún outro –si, digo ben: coma en ningún outro-, a máis profunda comprensión do que estas terras e as súas xentes significan. O que experimento lendo eses textos soamente ten unha comparación: o que sinto con respecto a Galicia cando leo a Castelao. O Ribeiro de don Albino
Poucas veces se dixo tanto e de xeito tan acertado en tan pouco espacio. Remarca don Albino o feito de sermos un país moi acostumado ás louvanzas de propios e alleos. Pero o aplauso, como escribía en certa ocasión Sánchez Ferlosio, é un espello traidor, nunca desengana, acomódase ós desexos da propia vaidade e caricaturiza a realidade. Elóxiase a cotío a paisaxe, o viño, as costumes do Ribeiro –agora habería que engadir iso que está tan de moda: loar a raigame fidalga das nosas viñas, idea (falsa) que, no colmo da caricatura, enxalza a un dos estamentos sociais máis perniciosos para a historia de España-, pero esquécese, ou tápase, o fundamental: que tódolos encantos do Ribeiro débense en última instancia ó traballo dos ribeiraus, un traballo que custou ríos de suor nunca pagos. Esa é a gran epopeia da que fala don Albino, esa é a fazaña realmente digna dos máis grandes eloxios, nunca escoitados, e dos máis fermosos versos, nunca escritos. É a idea do traballo dos labregos coma valor principal da nosa cultura. Unha idea que repite don Albino a miúdo para aplicala non só ó Ribeiro senón a toda Galicia. Nun dos seus mellores artigos, Grandezas e miserias da nosa terra, escribe:
Na base desta idea está un dos seus autores preferidos, o P. Feijó, e máis concretamente o ensaio Honra y provecho de la Agricultura, moitas veces citado por don Albino. Escribe no seu artigo Feixóo i-a xente labrega: «Quen escribiu o discurso –refírese a Honra y ...- tiña que ser fillo de Galicia e amante dos seus labregos... dá mostras evidentes do apego que sinte pol-a heroica, sofrida e aldraxada xente que con tan mal pago trocou a dura codia deste curruncho da Iberia húmida nun verdadeiro xardín.». Penso eu, do mesmo xeito, que soamente un fillo do Ribeiro, soamente quen amaba de verdade ás súas xentes –sempre as xentes diante da terra-, podía escribir o que don Albino escribiu. Porque, en efecto, don Albino era un fillo do Ribeiro, un ribeirau, pois aínda que non o fose por nacemento foino por vocación, que, coincido con el, é a forma máis lexítima de ser calquera cousa. Escribe na Saudosa lembranza: «Indaque non fun nado no Ribeiro, téñome por ribeirau. Alí pasei os mellores e máis decisivos anos da miña vida, que foron os da tenra mocedade». Quixen saber máis sobre as circunstancias que o levaron ó Ribeiro e unha feliz casualidade fixo que o meu traballo xa citado, Os libros que nos fan mellores, chegase ás mans de Carlos Núñez, fillo de don Albino e pai do famoso gaiteiro. Foi el quen me contou a historia que tanto me interesaba:
Perdeu don Albino en 1936 a súa praza de mestre e non foi rehabilitado ata o ano 1959. Non obstante, o brutal castigo non minguou nin un ápice a súa valentía. En maio de 1964 escribía no diario La Noche de Santiago un fermoso artigo sobre Castrelo de Miño. Nel denunciaba con firmeza, non exenta de lirismo, o proxecto de asolagar unha das comarcas máis fértiles de Galicia:
Non quedaría nisto a loita de don Albino contra do encoro de Castrelo. Saberíase, pasado o tempo, que foi el o autor do famoso Romance de Castrelo de Miño, o poema anónimo que circulou multicopiado e de boca en boca polo Ribeiro daqueles anos conflictivos.
Don Albino e don Eladio: a terra que nos une. Conta como coñeceu a don Eladio na Coruña no ano 1934:
Era don Albino home moi preocupado pola lingua e pola súa defensa, pero non é este o momento de deterse nese aspecto tan valioso da súa obra. Non obstante non podería pasar por alto unha reflexión súa a este respecto e moi eloxiosa para o Ribeiro:
Resulta deste xeito lóxico o entusiasmo con que acolleu a publicación do Diccionario de don Eladio, que el cualificaba coma obra cume das letras galegas, e que presumía de dicir, contiña unha pequena emenda nalgúns dos significados dunha verba que don Eladio lle consultara. Escribía con respecto ó valor desta obra:
Recibiu don Eladio a homenaxe que merecía no día das Letras Galegas do ano 2001, pero segue maiormente esquecido no Ribeiro. Non deixa de resultar moi significativo que nin un só centro de ensino da comarca leve o seu nome. Tampouco ten don Albino, que eu saiba, nin unha triste rúa dedicada no Ribeiro. No caso de que as rúas deban levar o nome de persoeiros ilustres, cousa da que eu desconfío á vista de moitos dos nomes que levan, non me cabe a menor dúbida de que, alomenos en Ribadavia e en Castrelo, o nome de don Albino honraría dun xeito extraordinario ós seus veciños, e honraríanos de paso a tódolos ribeiraos por lembrar a un dos mellores entre os nosos. Porque, como xa escribín nalgunha ocasión, hai que querer a todos, pero primeiro ós nosos. Epílogo Frutos Fernández González |